01/03/2022
empresa ,

APERTURA GALERÍA MADRID, ATÓPANOS NA RÚA LAGASCA 25

SARGADELOS regresa a Madrid 3/12/2021


Despois de case dous anos, atrevémonos a abrir de novo unha tenda dos nosos produtos en Madrid. Gustaríanos que fose unha embaixada, unha delegación da nosa maneira de sentir, de pensar, de vivir, que, desde Galicia, e desde fai xa máis de douscentos anos, tratamos de trasladar a outras latitudes.


Os tempos non son fáciles, pero para os emprendedores e os emigrantes nunca o foron. E en Galicia algo sabemos dese afán de mellora, de procura do descoñecido, de morriña polo xa vivido. Por iso volvemos.


Pretendemos que esta tenda sexa un espazo único, diferente, evocador. Un espazo que recolla o espírito e o ambiente xenuíno das nosas fábricas. Que achegue aos clientes e visitantes o compoñente artesanal de todos os procesos de fabricación da porcelana de SARGADELOS. Tentamos que o comprador capte a esencia do noso traballo utilizando mobiliario e ferramentas orixinais das nosas plantas de produción como elementos decorativos e funcionais.


Coidamos tamén o emprazamento do local, seleccionado unha localización privilexiada no corazón do barrio de Salamanca. Un local que antigamente era o paso de carruaxes dun edificio señorial construído no século XIX. Está situado na rúa Lagasca, 25. O seu arquitecto foi o Marqués de Cubas, Don Francisco de Cubas e González-Montes, cuxa obra máis destacada é a Catedral da Almudena.


O local ten 195 m2 e nel respectáronse os elementos característicos do edificio; teitos altos, vigas e columnas de ferro, e a súa antiga estrutura de madeira. Respectar ao máximo as características formais é unha das principais ideas nas que se asenta a filosofía de Isabel López-Quesada, a mellor aliada posible para a creación deste espazo. Ela di: «non tento loitar contra o espazo e a arquitectura, senón potencialas. A obra e o lugar fálanche». E aquí, cumpriu.


Para o mobiliario servímonos de material de traballo orixinal, utilizado durante moitos anos nas nosas fábricas. Foi desenvolto por nós e para nós, polo que transmite e lembra a función e as características do seu uso efectivo no traballo.


Os andeis de madeira (piñeiro autóctono galego) proveñen do antigo almacén de moldes e matrices da fábrica do Castro. Esas matrices son un dos bens máis prezados de SARGADELOS, debemos conservalas con gran coidado porque a partir delas xéranse todos os moldes, o que permitiu, e permite, a reprodución seriada das nosas características formas a través dos anos.


As mesas de coado, proceso no que toma forma a pasta de porcelana, cunha superficie de táboa de case dous metros de diámetro. Teñen un eixo central giratorio que facilita o traballo, xa que deste xeito non é necesario rodeala, senón que é a mesa a que che achega todo o seu perímetro.


Tamén quixemos recrear con elementos orixinais outro dos procesos máis importantes da nosa produción, o enfornado, cando finalmente a pasta de porcelana convértese no material nobre de gran resistencia térmica, brillo, brancura e translucidez que o fan excepcional.


Neste caso, a galería de Madrid dialoga co exterior a través dos escaparates cun elemento fundamental dos nosos fornos: as vagonetas; que, coidadosamente cargadas de pezas de porcelana, entran e saen ininterrompidamente dos nosos fornos a 1400º de temperatura. As que se expoñen pertencen ao modelo de forno continuo, e o seu deseño é orixinal da nosa fábrica, adaptado aos requisitos concretos do forno da planta de produción de SARGADELOS en Cervo.


Outra das pezas estrela que viaxou dende as dependencias da planta de Sada é un precioso engaiolado de madeira que formaba parte do conxunto de recepción dunha das nosas plantas de produción. Destaca a forma con que este curioso elemento define o espazo da tenda.


As mesas de torno son tamén un instrumento que fala da súa función. Nelas dáse forma á pasta mediante a rotación continua central, unha forma de traballo propia da olería tradicional que permite conseguir volumes radiais de perfecta simetría.


Gustaríanos permanecer moitos anos en Madrid, onde un gran número de galegos recalaron buscando o cosmopolitismo da gran cidade e a mellora nas súas condicións de vida. E sentíronse cómodos e acollidos. Porque Madrid é unha cidade aberta, respectuosa, libre.


Que o destino nos sexa propicio a todos.