Faro Illa Pancha

Referencia: 05006003

Descrición:
Cerámica de Sargadelos dedica unha colección aos faros de Galiza e, entre eles, ao da Illa Pancha en Ribadeo. O illote, de pouco máis dunha Ha. e moi próximo á costa, únese a esta por unha cativa ponte e ven ser o remate dun fermoso paseo pola beira occidental da Ría de Ribadeo.
A orixe do nome pérdese no neboeiro dos tempos: a crenza popular relaciónao cos peixes, tanto panchos como panchas, aínda que ben puidera proceder figuradamente dalgunha enchente ou chea. Tanto ten, pero o certo é que sempre contou con ese engado e agarimo popular que procede da súa propia situación e engado paisaxístico e, sen dúbida do faro que nela se ubica desde 1860, e que o fai practicamente contemporáneo dos de San Cibrao (Cervo) e Tapia de Casariego co que, ao dicir de Antón Vilar Ponte, fanse chiscadelas luminosas.
O actual edificio ten como precedente antiquísimo a chamada Torre Vella, situada no montículo inmediato en terra firme, lugar que logo ocuparía a caseta dos carabineiros.
A torre non só servía de guía para os navegantes, senón que tamén cumpría funcións defensivas ou de vixilancia e, segundo os historiadores locais Lanza e San Julián, a comezos do século XIX práticamente desaparecera. Por iso o Concello informou daquela ao xefe político da necesidade de construír unha nova, "por lo muy útil que es para toda embarcación, tanto las que hayan de entrar en el puerto, como las que sigan navegando".
No momento de comezar a funcionar o novo faro, o tráfico portuario era intenso, contando Ribadeo con dúas empresas armadoras: as navieiras Casas e Bengoechea e unha ampla frota de barcos que facían a ruta a América e outros puntos do mundo. Os refrexos do faro despediron e deron a benvida ao airoso bergantín "Nueva Juliana" ou á corbeta "JMB" da casa Bengoechea así como ás enormes fragatas "Casas" e "Villa de Ribadeo" da armadora Casas, todas elas e outras moitas de matrícula de Ribadeo.
Ao comezar o século XX, o Faro da Illa Pancha pasou a ser o referente dun novo período de actividade portuaria, ba seada na exportación de mineral de ferro  procedente das minas de Vilaoudriz, transportado en tren até Ribadeo e embarcado a través dun estilizado cargadoiro.
Hoxe, o Faro agora recreado por Cerámica de Sargadelos, permanece na súa illa como testemuño dun tempo pero tamén coa mesma función para a que naceu: referencia para as embarcacións que repasan a costa e limiar da Ría de Ribadeo. (Eduardo Gutiérrez, maio 2009)

Alto: 18 cm.

Material: Porcelana.

Coidados: Limpiar cun pano suave e húmedo.

Faro Illa Pancha

Referencia: 05006003

170 $