Ediciós do Castro

En 1963 naceu a dimensión editorial do Grupo Sargadelos co nome de Ediciós do Castro, empeñada na recuperación da memoria histórica de Galicia, no estudo da realidade actual, no espallamento científico das nosas bases económicas e das nosas formas culturais.

Os Catálogos de Ediciós do Castro reflicten que entre as súas diversas coleccións (poesía, ensaio, narrativa, filoloxía, economía, teatro, etnografía, arte, historia...) deben subliñarse a colección dedicada ás publicacións do Seminario de Estudos Galegos, a serie Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia, os Cadernos do Seminario de Sargadelos e do Laboratorio de Formas.

Para atender a súa dimensión editorial foi preciso crear o Laboratorio de Industria e Comunicación no Castro de Samoedo e incorporar a vella imprenta Moret da Coruña, que xa se encargaba de imprimir as publicacións de Ediciós do Castro.

Os dous primeiros títulos publicados foron El toro Júbilo, gravados de Luís Seoane e El ceramista Erranz y su escuela, monografía de Díaz Pardo, en 1963 e 1964 respectivamente. Logo seguiron libros de Curros Enríquez, Blanco Amor, Emilio González López, Daniel Cortezón, ou Neira Vilas, que leva publicadas 25 edicións da súa famosa obra Memorias dun neno labrego, así até achegar a 1300 títulos, preparados por máis de 700 autores, nestes xa corenta e cinco anos de labor editorial traballando pola nosa historia, pola nosa lingua e pola nosa cultura.

Urbano Lugrís (viaxe ao corazón do océano), Antón Patiño

"O presente libro vai abranguer a figura de Urbano Lugrís na súa dimensión conxunta, vida e lenda, a creación artística e a súa produción literaria. Relatos breves e poemas que xiran sempre de xeito hipnótico (e mesmo obsesivo) arredor do mundo mariño e toda a súa iconografía. Ese foi o Norte magnético do compás que guiou sempre a Urbano Lugrís. Mesturando o espazo físico e mítico na alianza da imaxinación creadora". Así presenta a súa obra o artista Antón Patiño, quen compartiu vivencias co protagonista do libro dende neno, na libraría do seu pai en Vigo.

Galicia hoy, Ruedo Ibérico

"Galicia hoy", publicado en 1966, foi un volume clandestino na última década da era de Franco. Admirable colectánea de textos e documentos antifranquistas, foi perseguida polo ministro de Propaganda, Fraga Iribarne, quen non puido impedir a súa distribución na parte de atrás das tendas de libreiros comprometidos. O libro esgotouse hai moito tempo. Hoxe, 42 anos despois, publícase de novo para contar a historia política daquela Galicia coas verbas discrepantes do discurso oficial, omnímodo e ominoso do franquismo. Unha peza bibliográfica de primeira magnitude. Esencial.

Poemas a Galicia Martir, de Castelao, Mirta Aguirre

Mirta Aguirre, intelectual cubana, comprometida coa causa republicana e antifranquista, escribiu estes oito poemas despois de ollar os debuxos de Castelao sobre a barbarie da Guerra Civil no seu álbume "Galicia mártir". Constitúen unha expresión viva da súa solidariedade co pobo galego, que seguiu amosando toda a súa vida, mesmo escribindo un documental baseado no comunista galego Gómez Gayoso. Aguirre desenvolveu o seu talento como profesora de Literatura na Universidade da Habana, e publicando ensaios, críticas e literatura infantil, ata a súa morte no ano 1980.

A volta da perdida, Urbano R. Moledo

"A volta perdida" é unha obra de teatro inédita, recuperada dos arquivos militares por Anxo R. Gallardo e preparada por Rexina Vega, que foi empregada para condenar o seu autor, Urbano Rodríguez Moledo, galeguista e socialista, a ser fusilado o dez de decembro de 1936. Os seus executores culpárono de ser presidente da "Sociedad Comunista Ateneo Cultural de Lavadores", onde "se repartían armas a los revolucionarios", segundo conta Vega. Pero non presentaron máis probas que as súas obras dramáticas, escritas para seren representadas no Ateneo Deportivo Obreiro, e vencelladas ao ideario cultural das Irmandades da Fala. "Biblioteca do 36" recupera a máis simbólica delas.

Cómicos sin tierra, Martín Elizondo

Neste título, a "Biblioteca do Exilio" propón un achegamento á obra dramática de José Martín Elizondo, nado en Guecho en 1922, cunha escolma de tres pezas editadas por Madeleine Poujol: "Cómicos sin tierra", "Oraciones para un teatro" e "El totem rojo", sobresaíntes pola súa coherencia ética e estética. Martín Elizondo, residente en Toulouse desde finais dos anos 50, fundou alí a Compañía A.T.E. (Amigos del Teatro Español), coa que representou textos de autores españois contemporáneos, moitos deles, prohibidos na España daqueles anos. Apaixonado pola relación entre a arte e a sociedade, tamén buscou na Historia fontes expresivas para comprender o mundo actual.

O Estatuto Galego durante a II República, Prudencio Viveiro Mogo

No abrente democrático da II República, Galiza ensaiou o seu primeiro intento de autonomía política. En decembro de 1932 os concellos galegos, constituídos en asemblea, elaboraron un proxecto de Estatuto. No entanto, o proceso autonómico galego non estivo libre de obstáculos. A xenerosidade e compromiso dos galeguistas non podían ocultar a súa debilidade; a evolución da conxuntura política tampouco axudou. Este libro pretende ofrecer unha síntese dos traballos encamiñados a fornecer a Galiza dun Estatuto de autonomía ao longo da II República.

Violencia política, protesta social e orde pública no Ourense republicano, Xulio Prada Rodríguez

"...As diversas manifestacións conflituais que se produciron no Ourense de preguerra, especialmente aquelas nas que a violencia se facía máis ou menos explícita, desenvolvéronse no marco dunhas estruturas sociais moi ríxidas e pechadas. Por iso os seus efectos eran percibidos como moito máis incondicionais, catastróficos e inexorables ca se acontecesen nunha organización ampla, aberta e flexible." Sobre esta tese constrúe o doutor en Historia Contemporánea Xulio Prada a súa interesante investigación.


Catálogo de publicacións de Ediciós do Castro en formato PDF